Tiña moitas ganas de facer esta ruta pois dende fai uns 45 anos non volvera por estes lares nos cales de rapaz subía dende a Ferrería por carreiros do gando do monte ( daquela non había pistas) ata o nacemento do Rego da Augalba e dende alí ata o Pico da Toxiza no cal a día de hoxe xa non esta pero había un cartel que dicía algo así como non romper ou habería multa.
Iniciamos a ruta dende a subestación por un camiño vello guiados por Javi ; que como sempre vainos informando do estado da ruta , da enfermidade dos pino ( denominada "banda marrón", un fungo que ataca as acículas destes árbores, onde se forman uns puntos de cor marrón escuro rodeados por un halo amarelo, acabando por asfixiar ao pino). De feito, nas ladeiras debuxase perfectamente a evolución da enfermidade, pois conforme vamos gañando en altura vemos como os pinos van pasando a estados máis graves da enfermidade.
Ao chegar ata o alto da Toxiza e dende alí case me caen as bagoas lembrando a miña xuventude.
A Toxiza esta situada o noroeste de Mondoñedo, é unha das serras máis setentrionais de Galicia. Ten forma circular e está formada por unha gran masa de granidioritas que se estenden dende Mondoñedo ata O Valadouro.
A altura da serra alcanza os 838 m sobre o nivel do mar, sendo o punto máis alto o Pico da Toxiza no seu vértice xeodésico, construído no ano 1982 con o número 2437.
O efecto da erosión formou montes e cantís moi rechamantes con masas graníticas moi espectaculares como son o Corveiro, os Lagos de Viloalle, o Colexio ou os Galos, entre outros, sen esquecer outras rochas significativas como son os "abrigos". Os regatos que nacen debaixo destas pedras ou que saen das numerosas turbeiras de cobertor, tamén aquí presentes, representan as nosas reservas hídricas e o alimento do gran río Masma.
Dende aquí podemos divisar ao cerca: A Fraga Vella, Os Agros, Pena Montol, Estelo, Tronceda, A Pena da Roca, O Padornelo, Mondoñedo, Viloalle, Vilamor, Masma, Couboeira, Figueiras, etc. E máis ao lonxe, na liña do horizonte: a costa de Barreiros, Foz (detrás de Cornería), Verín, A Frouseira, Montes do Cabaleiro, Serra do Xistral, Pena da Cadela,O Cadramón, Montouto, A Corda, a Cruz da Cancela, O Picato; e entremedias destes dous, os Montes de Meira diante dos Ancares.
Descendemos pola ladeira do monte ata chegar a O Colexio e dende aquí ata Os Esgallos seguimos ata Monte Agudo ( que na miña xuventude chamavamoslle As Frechas pola sua figura similar)
Baixamos ata onde nace o Rego da Augalba e subimos ata os Lagos nos cales hoxe en día despois de pasar as pistas dos eólicos xa non queda nada do seu nome ( antes había unha lagoa o cal lle daba o nome).
Seguimos de volta ata a subestación e dende aquí ata o Menhir onde rematariamos a nosa ruta.
Para o vindeiro mes iremos ata A Pontenova onde faremos a ruta das minas
Powered by Wikiloc

No hay comentarios:
Publicar un comentario